Santuario da Virxe da Barca

Altar pétreo a carón do mar. “Muxía non se entende sen a Barca”, cóntanos o historiador local Xan Fernández Carrera, autor de varios libros e guías sobre Muxía. Incluso marca o calendario anual. “Eu recordo fai 35 ou 40 anos que cando se preguntaba por cando se ía facer algo respondíase, “antes ou despois da Barca?”.

Este lugar é espectacular. O propio recinto relixioso e o adro que se estende máis aló do murete, cara a onde están as pedras “máxicas”, con propiedades curativas e adivinatorias: a Pedra de Abalar, a Pedra dos Cadrís e a Pedra do Temón. Son os restos da embarcación na que, conta a lenda, chegou a Virxe por mar para alentar ao apóstolo Santiago no seu evanxeo.

O templo foi reconstruído varias veces, crese que tres, ata que no ano 1719, se levantou o actual custeado polos condes de Maceda. As cinzas dos nobres repousan en dous sarcófagos no interior.

Representación da lenda da Barca

O santuario confúndese co contorno. De estilo barroco, é preciso entrar para apreciar a rica ornamentación de seus retablos, o olor inconfundible a lugar sagrado e os exvotos deixados por romeiros e mariñeiros. Son eles quen recordan en forma de prenda as súas peticións ou as promesas cumpridas pola santa. Muxía é tamén fin do Camiño Xacobeo a carón do Atlántico e aquí chegan cada vez máis peregrinos polo Camiño da Costa ou polo Camiño Real

Outros elementos do recinto son o cruceiro, a casa reitoral e a sinxela espadana co campanario. Como recordo da catástrofe do petroleiro Prestige, nun alto sobre o santuario atópase desde 2003 a escultura “A Ferida”, do artista burgalés Alberto Bañuelos-Fournier.   

Desde aquí, un sendeiro empedrado conduce ao cumio do monte Corpiño (68 metros) dende o que se ten unha boa panorámica da vila e da posta de sol. As vistas son excelentes: a ría e cabo Vilán na punta, as praias de Leis e do Lago, o monte Facho –busca as antenas-, a punta de Cachelo e da Buitra.

Fonte da pel e Sala do Perello

A Fonte da Pel é un fermoso e máxico lugar situado a carón do antigo camiño dos peregrinos chamado o Camiño da pel. Está moi preto da punta da Barca. Neste manancial, os peregrinos e os enfermos bañábanse antes de entrar no santuario da Barca como medida para evitar contaxiar a lepra.   

A Sala do Perello (un perello é un demo ou un trasno) son unhas pedras enormes que forman no seu interior un habitáculo que só se pode descubrir achegándose a el. Esta impoñente mole domina a visión neste tramo de costa. En torno a este lugar había unha lenda hoxe perdida que falaba de que aquí vivía un xastre.

Ligazóns

MÁIS QUE VER

Busca os QR!

Como ler un código QR?


Descarga as audioguías das nosas rutas sensoriais: Ruta da Vila, Ruta a Touriñán-Nemiña e Moraime-Area Maior.

Ampliar información

Rede Turística

Busca o que precises durante a túa visita entre os negocios adheridos!

Ampliar información

Vídeos Muxía TV

Coñece Muxía!

Concello de Muxía   Rúa Real, 35 - 15124 Muxía   Telf.: 981 742 117   info@caminandocaraomar.com
  • GAC 3 Costa da Morte
  • Fondo Europeo de Pesca
  • Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente
  • Consellería do Medio Rural e do Mar
  • Web municipal Muxía