Atlántico, fin do Camiño

Dende a Idade Media, Muxía foi un importante porto vinculado á ruta xacobea tal e como deixaron testemuño os viaxeiros que aquí chegaban. Hoxe en día, e cada vez en maior número, os peregrinos están recuperando a tradición de rematar a súa peregrinación onda o océano Atlántico.

En Muxía rematan dous tramos do Camiño de Santiago: o Camiño Xacobeo Santiago-Muxía, coñecido como o Camiño Real, e o Camiño da Costa Muxía-Fisterra.

Outros peregrinos que acoden a Muxía son os devotos da virxe da Barca. Nos días previos á festividade, que se celebra arredor do segundo domingo de setembro, e no día propio da celebración, as estradas que desembocan na vila énchense de camiñantes e de romeiros. Pídenlle favores á virxe ou agradecen os xa cumpridos.

Camiño Xacobeo desde Santiago

Procedentes de Santiago e chegados a Dumbría, o Camiño divídese para continuar cara a Muxía ou cara a Fisterra. Dúas fins de traxecto á beira do océano Atlántico que paga a pena experimentar calquera que sexa a orde.  

En dirección a Muxía, os peregrinos toman o Camiño Real para rematar os seu traxecto onda o Santuario da Barca, pasando antes polo mosteiro de Ozón e polo de Moraime –onde se sitúan as orixes da vila de Muxía-.  

Aínda que desde sempre o camiño que vai de Moraime a Muxía se percorreu polo interior, a beleza da paisaxe invita a camiñar xunto ao mar. Desde a capela de san Roque, en Chorente, báixase cara á praia de Espiñeirido unida coa da Cruz por unha senda de madeira.

Camiño da Costa

Este é o tramo do Camiño que parte da vila de Muxía e bordea todo o litoral ata os límites do municipio de Cee e continua cara á Fisterra ou viceversa. Desde o santuario da Barca, rodea o monte Corpiño, segue polo “Camiño da Pel” ata o Coído e de aquí cara ao interior do concello pasando a carón da praia de Lourido. É fácil distinguilo por estar sinalizado cos marcos de pedra coroados co símbolo da vieira que identifica calquera camiño xacobeo.

Arredor das tres da tarde, en calquera época do ano, é frecuente ver por aquí peregrinos en dirección a algún dos albergues da vila.

A muxiana

Peregrino sellando muxiana

Ademais da gratificación de rematar o Camiño, os peregrinos que fan a ruta a pé, en bici ou en cabalo reciben a coñecida como “muxiana” como credencial acreditativa da súa peregrinación.  

Ademais das hospedarías privadas, na rúa do Enfesto está situado o Albergue do Xacobeo (de xestión da Xunta de Galicia). Todos son unha especie de gran embaixada. 

Dende a terraza do albergue do Xacobeo, todo o ano vese a posta de sol.

Ligazóns

MÁIS QUE VER

Busca os QR!

Como ler un código QR?


Descarga as audioguías das nosas rutas sensoriais: Ruta da Vila, Ruta a Touriñán-Nemiña e Moraime-Area Maior.

Ampliar información

Rede Turística

Busca o que precises durante a túa visita entre os negocios adheridos!

Ampliar información

Vídeos Muxía TV

Coñece Muxía!

Concello de Muxía   Rúa Real, 35 - 15124 Muxía   Telf.: 981 742 117   info@caminandocaraomar.com
  • GAC 3 Costa da Morte
  • Fondo Europeo de Pesca
  • Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente
  • Consellería do Medio Rural e do Mar
  • Web municipal Muxía